Nolan Bushnell
(2013) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 5 de febreiro de 1943 (81 anos) Clearfield, Estados Unidos de América (pt) |
Educación | Universidade de Utah Universidade do Estado de Utah (pt) Davis High School (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Enxeñaría eléctrica, videoxogo, computer industry (en) e educación |
Ocupación | enxeñeiro, informático teórico, emprendedor, inventor |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Sitio web | nolanbushnell.com |
Nolan Kay Bushnell, nado en Clearfield o 5 de febreiro de 1943, é un empresario e enxeñeiro eléctrico estadounidense, fundador de Atari e, xunto con Ralph Baer, un dos pioneiros da industria dos videoxogos.
É o creador da lei de Bushnell, un aforismo que afirma que son recompensados os xogos "fáciles de aprender e difíciles de dominar".[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]En 1968 graduouse en enxeñaría eléctrica na universidade de Utah,[2] e foi membro da fraternidade Pi Kappa Alpha. Bushnell foi un dos moitos estudantes de informática que na década de 1960 xogou ao Spacewar nos computadores do servidor de DEC.[3] En 1971 Bushnell e o seu compañeiro Ted Dabney crearon Computer Space, un clon de Spacewar. O xogo foi fabricado e distribuído por Nutting Associates e ía instalado na súa propia máquina recreativa.[4][5][6] Computer Space demostrou estar demasiado adiantado para o seu tempo e foi un fracaso comercial a pesar de que as vendas superaron os tres millóns de dólares.[7]
Atari
[editar | editar a fonte]Non obstante, Bushnell tiña a determinación de facer un videoxogo que puidese ser xogado por calquera. En 1972, el e Dabney fundaron Atari e vírono claro nunha feira informática de Burlingame, California, onde descubriron o Magnavox Odyssey e xogaron á versión de pimpón creada por Ralph Baer. Bushnell deuse de conta de que o xogo podía ser mellorado e máis sinxelo de xogar. Al Alcorn, un enxeñeiro de Atari, perfeccionou o videoxogo PONG, e Bushnell instalouno nun bar en Grass Valley, California e nunha taberna en Sunnyvale, California chamada Andy Capp's. Pong foi un xogo popular mais a aparición de imitacións impediu que Atari dominase o mercado das máquinas recreativas.
En 1974, Bushnell e Atari decidiron facer unha versión de PONG para o ámbito doméstico. Grazas a un acordo de mercadotecnia e distribución con Sears, as vendas de PONG aumentaron en 1975. En 1977, Atari editou o Atari 2600 VCS (Video Computer System), que revolucionou o mercado dos videoxogos domésticos e comezou a nova era das consolas. A demanda foi tan grande que mesmo os executivos de Atari tiveron que botar unha man nas liñas de produción durante o primeiro Nadal despois do lanzamento. En 1976, Warner Communications comprou Atari,[8] e Bushnell foi forzado a deixar a empresa en 1978.
Mentres estaba aínda en Atari, en 1977 recomprou a Warner Communications a franquía Pizza Time Theaters (Pizza Time fora creada orixinariamente en Atari), un lugar onde os nenos podían comer pizza e xogar a videoxogos. Os Pizza Time/Chuck E. Cheese's tiñan tamén animais robóticos que tocaban música (Bushnell sempre quixera traballar para Walt Disney, mais nunca conseguiu que o contratasen cando acababa de graduarse; por ese motivo a mascota Chuck E. Cheese's foi a súa homenaxe a Disney). En 1984 Bushnell deixou Chuck E. Cheese's Pizza Time Theaters ao entrar a empresa en suspensión de pagos. Posteriormente a empresa superou a crise e converteuse nunha cadea de restaurantes con éxito.
Androbot Inc
[editar | editar a fonte]Ademais dos robots que desenvolveu para Chuck E. Cheese's, en 1982 Bushnell participou na creación de Androbot Inc, unha empresa que introduciu o concepto de robots para o adestramento doméstico. Porén, a empresa parou a produción en 1984. Androbot foi unha das moitas empresas de Catalyst Technologies Venture Capital Group, un dos primeiros viveiros de empresas. Outras compañías do grupo foron Etak, Cumma e Axlon.
Axlon lanzou con éxito varios produtos de electrónica de consumo, un dos máis notables foi AG Bear, un oso que repetía as palabras que os nenos lle dicían. Axlon foi vendida en gran parte a Hasbro.
Sente Games
[editar | editar a fonte]En 1984, Bushnell entrou de novo no negocio do videoxogo fundando Sente Games.[9] Midway Games accedeu a distribuír os xogos de Sente. A listaxe de títulos publicados da empresa inclúe o popular xogo de hóckey un-a-un Hat Trick (1984).
Bushnell fundou máis de vinte empresas. Foi incluído no Vídeo Game Hall of Fame e no Consumer Electronics Association Hall of Fame. En 2005 foi un dos xuíces do reality show Made in the USA.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]O primeiro matrimonio de Bushnell foi con Paula Rochelle Nielson, coa que tivo dous fillos. A filla máis vella de Bushnell, Alissa, traballou con el na súa empresa uWink. O seu segundo matrimonio foi con Nancy, coa que tivo seis fillos.
Bushnell creceu na Igrexa de Xesús Cristo dos Santos dos Últimos Días, mais xa non é un membro activo.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bogost, Ian (2 de abril de 2009). "Persuasive Games: Familiarity, Habituation, and Catchiness". Gamasutra. Consultado o 26 de febreiro de 2014.
- ↑ Smith, Keith (1 de xaneiro de 2015). "The Golden Age Arcade Historian: Annotated Atari Depositions, Part 1". The Golden Age Arcade Historian. Consultado o 8 de febreiro de 2018.
- ↑ "The Great Videogame Swindle?". Next Generation (Imagine Media) (23): 64–68, 211–229. novembro de 1996.
- ↑ "Big History of the Arcade". Arquivado dende o orixinal o 09 de xuño de 2007. Consultado o 31 de agosto de 2007.
- ↑ "Nolan Bushnell profile". Consultado o 31 de agosto de 2007.
- ↑ "Computer Space History". Consultado o 31 de agosto de 2007.
- ↑ "Computer Space and the Dawn of the Arcade Video Game". Technologizer. Consultado o 3 de febreiro de 2018.
- ↑ "What the Hell has Nolan Bushnell Started?". Next Generation (Imagine Media) (4): 6–11. abril de 1995.
- ↑ Sente é unha palabra en xaponés que se emprega no xogo de mesa go, o favorito de Bushnell.
- ↑ "Games people play". Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2013. Consultado o 06 de novembro de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Zap: the Rise and Fall of Atari, by Scott Coen (1984) ISBN 0-7388-6883-3
- Gaming 101: A Contemporary History of PC and Video Games, by George Jones (2005) ISBN 1-55622-080-4
- The Ultimate History of Video Games: From Pong to Pokemon--The story Behind the Craze That Touched Our Lives and Changed the World, by Steven L. Kent (2001) ISBN 0-7615-3643-4
- The First Quarter : A 25-year History of Video Games, by Steven L. Kent (2001) ISBN 0-9704755-0-0
- High Score!: The Illustrated History of Electronic Games, by Rusel DeMaria, Johnny L. Wilson (2003) ISBN 0-07-223172-6
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- The Dot Eaters entry on Bushnell and Atari